Xulio Rodríguez

Poderíamos afirmar, sen temor a equivocarnos, que con esta coidada exposición estamos ante un acontecemento único. En realidade, sempre que o artista honesto mostra a súa obra, é un evento irrepetible. En cada mostra, parte do máis profundo do seu ser está impúdicamente exposto a olladas alleas á sua. Pero tamén e certo que o artista non é completo mentres non comparta a expresión da súa interioridade.

Para definir a pintura de Xulio Rodriguez poderiamos acabar pronto empregando dúas palabras contundentes: pintura expresionista e trazo xestual. Pero con esta breve descripción non fariamos xustiza ó interesante traballo do artista. É máis, calquera modesto intento crítico da súa obra sempre estará baleiro da obxetividade absoluta á que debería aspirar o cronista.

Dicir obra expresionista é simplificar. A definición da pintura de Xulio – difícil de clasificar – é moito máis complexa, debaixo desa apariencia por veces fauve e por veces tenra, latexa con forza un encanto naïf , un primitivismo que desperta no observador unha innata atracción ancestral, un desexo de percorrer vieiros que sempre dormen no noso interior. Pero o primitivismo de Xulio só é aparente ; antes de cada obra hai sempre una reflexión, una loita contra a nada ; una nada teimuda e abraiante á vez. Áta que a idea, esa sempre fuxida idea, queda apreixada. Pero é na plasmación do concepto cando o xesto libre e espontaneo decide a impronta final,definitiva, da pintura.

Xulio Rodriguez tampoco se conforma con resolver o concepto, con ter atrapada a idea; senon que a partir de ahí é cando goza coa experimentación pura, xogando con pigmentos e materiais cos que consigue texturas novas, imprevistas, impresionantes. É o apaixoante xogo da gran aventura: as cores precipítanse sobre o soporte, loitan entre elas para lograr o que o autor agarda con ansiedade de alquimista; e a mesma madeira convértese nun aliado poderoso, aportando una subpaisaxe evocadora doutros lugares, doutros mundos. Pero o máis sorprendente de Xulio Rodriguez está na procura da figura humana.

As veces antóllansenos facianas sacadas dun relato de Edgar Allan Poe, outras, as máis, parecen interrogarnos dende o lenzo cunha mirada que penetra ata o máis fondo do noso ser, escudriñando os pousos Inconfesables que cada un arrastramos polos eidos do subconsciente.

Coido que a obra de Xulio Rodriguez é para mirar, mellor dito, para vivir con atención máis dunha vez e máis de mil, pois de seguro que na primeira ollada algo nos quedará sen apreciar do moito que o artista tenta de comunicarnos.

Manuel Uhia